Disque o Sergas está “preocupado” polo abandono da lactancia materna por parte das nais galegas.
Disque nunha enquisa se reflicte que a volta ó traballo, os problemas de saúde ou a hipogalactia (baixa producción de leite) son as principais razóns.
Esta preocupación do Sergas, que os medios entrecomiñan, é a mesma que moitas familias teñen cando nacen os bebés. Dúbidas que xa xorden no mesmo embarazo sobre se dar peito ou non, sobre as posibilidades reais e sobre os mitos que existen. Neste periodo tan sensible o papel das matronas é fundamental, non para obrigar (coma moitos pensan) senón para dar unha información veraz e completa que lles permita adoptar a súa decisión con tódalas ferramentas nas súas mans.
Pero o que sucede moitas veces é que a nai da a luz e dende o primeiro instante, no hospital facilítanlle biberóns de “axuda” por se non hai leite, para que o bebé non chore ou asustando cuns datos sobre a recuperación do peso nos primeiros días que volven indefensas as familias, con medos que un bo asesoramento e o apoio adecuado neses intres faría voar. Esto sucede en moitos casos cando ó subir do paritorio, non hai ningún profesional con formación específica en lactancia, senón moitos traballadores que siguen a extender vellos mitos sobre as bondades do “biberón pirata”.
Xa no fogar as dúbidas non cesan, con visitas constantes a pediatras que falan da “moda do peito”, que prefiren ofrecer mostras de leite artificial (non estaba prohibido?) antes que asesorar ou derivar a grupos de lactancia e de nais dirixidos por matronas e asesoras certificadas de lactancia que podan axudar. É máis sinxelo asustar con pesadas semanais dos bebés que buscar unha solución.
E pasa o tempo, e a nai que consigue establecer e disfrutar da lactancia materna atópase que os 4 meses xa lle aconsellan paquetes de cereais preparados e productos cheos de azucre para o engorde do cativo, cando o mesmo Sergas (así como a AEP e a OMS) recomendan 6 meses de lactancia exclusiva e como alimento principal e nada de azucre ata o ano.
Tan importante como que as nais estean informadas é que os profesionais estean formados.
En canto a hipogalactia, está documentado, que é moi pouca a porcentaxe de nais con este problema con respecto as que creen (ou se lles fai crer) que sí o teñen. Polo tanto é a confianza en si mesma a que fará que a nai crea e saiba que ten a leite que o seu bebé precisa así como que non se convertirá nunca en auga ou perderá as súas propiedades.
Seguindo cos problemas de saúde, moitos profesionais esixen que se corte a lactancia cando teñen que ofrecer algún medicamento ou tratamento médico (incluidas anestesias) ás nais, sen sequera consultar á páxina referente neste ámbitowww.e-lactancia.org que, levada por profesionais, informa sobre a compatibilidade de maneira gratuita e fiable. E con respecto a cativanza: non, o peito non favorece a aparición de caries.
O tema da conciliación é tamén outra traba no que a continuar coa lactancia se refire. Sen embargo, coa información adecuada (novamente), ésta non ten que ser a razón posto que a lactancia materna pode continuar mesmo se se continúa únicamente nun periodo concreto do día ou a través dos sacaleites.
Estaría ben que o Sergas e a Consellería de Sanidade, fixeran fincapé en formar os seus profesionais a tódolos niveis, para ser un apoio para as familias que aposten pola lactancia materna ata que o desexen, e que o abandono non se deba a presións, falsos consellos ou mitos que deberían enterrarse para sempre.
Se che gustou, comparte!