Xa pasou un ano

Confinamento

Ían ser quince días e xa pasou un ano.
Pasou un ano dende que novas palabras comezaban a facerse habituais no noso vocabulario: covid, pandemia, virus… cun halo de incredulidade e de exaxeración… mais pronto chegaron outras: confinamento, teletraballo, erte, conciliación…

Xa pasou un ano dende que o noso mundo se deu a volta, non era só unha crise mundial, era unha crise no noso día a día, que nos sacudía no máis profundo da nosa esencia, nos nosos costumes, na nosa maneira de vivir.
Xa pasou un ano dende que un virus lonxano recluíunos nas casas, convertiu os nosos salóns en oficinas e as pantallas en aulas, potenciou a nosa capacidade creativa para manter entretidas as nosas mentes e crianzas mentres as novas amosaban cifras de terror.
Xa pasou un ano, enton as mascas aínda eran opcionais, e as colas nos supermercado xa non eran imaxes de cine catastrófico.
Xa pasou un ano dende que o silencio nas rúas fíxose atronador.
Xa pasou un ano e entón pensabamos que a alarma remataría nun mes e pronto recuperariamos as nosas vidas, mais a incerteza, o desacougo seguen a vivir en nós.
Xa levamos un ano nunha película da que xa desexamos chegar ó desenlace. E parece que está a chegar ainda que quizais non volvamos ser as mesmas persoas. Un ano que nos fixo mudar, agora ben, temos os brazos repletos de abrazos que dar, os beizos preparados para os bicos e as mans listas para desterrar as videochamadas e volver ós encontros, xuntanzas e tribos que nos volverán facer rir e soñar e recuperar o tempo perdido.

No noso pensamento están quen non o puideron,a quen o virus e a crise venceu, e desexando que ó resto, este pesadelo nos volva mellores.

Xa pasou un ano e oxalá non dure moito máis.

Se che gustou, comparte!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *