A cativada está convidada

Semella un chisco paradóxico que Rede CRIA faga tal afirmación. “A cativada está convidada”, Que? Obvio, non si?  O pilar da asociación é a crianza con apego. –  Iso pensarían algúns. – Pero nós queremos redundar nesta afirmación e salientala deliberadamente nunha especie de activismo escrito que, ademáis, agardamos se contaxie a máis iniciativas.

Como dicía María Montessori, “A tarefa do educador só pode ter como base a normalización do neno e así conseguir a normalización do home e a renovación de sociedade”. Pero nós vivimos nunha sociedade avellentada que non está acostumada ás crianzas. Unha sociedade onde dar teta en público é algo insólito que como mínimo “chama a atención” e onde a cativada “molesta” por definición.

Por iso queremos alzar a voz con esta premisa: Sí, a cativada está convidada, sempre, sexa ou non para acudir a unha actividade expresamente infantil.

Certo é que existe unha amplia oferta de lecer específica para a rapazada, actividades habitualmente aderezadas cun márketing atractivo para a infancia. Vivindo nunha cidade mediana podes atopar plans para case todolos fines de semana, ás veces incluso coincidentes no tempo, sen saber cal elexir: que si parques temáticos, teatro infantil, contacontos…; así como obradoiros de todo eido: música, piscina, inglés….  Polo xeral, estas actividades están adicadas a nenos de mais de 4 ou 5 anos, cando xa teñen vontade de “consumo” propia e “piden” para ir aos sitios.

Nembargantes, a oferta para menores de esa idade, e sobre todo para familias con bebés, redúcese considerablemente. Máis o problema real aparece cando queremos facer algo considerado “para adultos”  e levar aos nenos. Cear fora con amigos pode convertirse nunha tarefa complicada si buscamos restaurantes con cambiador ou trona, e mais aló que dispoñan de zona infantil. O mesmo ocorre con actividades como ir ó cine, ós museos, e outras representacións artísticas non específicas para as crianzas.

Nos últimos anos algúns eventos como a “sesión teta” emprenderon bonitas iniciativas adicadas ás nais que non queren, ou non poden, separarse do seu bebé para desfrutar dunha película, mais son iniciativas puntuais, lonxe dunha oferta estable e habitual.

En troques, si atopamos bastantes alternativas “só para adultos”, cunha vasta variedade de hoteis +18, e incluso paquetes vacacionais que ofertan una experiencia completa afastada da cativada.

Noutros países o tema tampouco está resolto. Os pubs ingleses anuncian horarios pro-children e horarios only adults, para non mesturar ambos ambientes. Tamén foi famoso o caso do italiano que prohibiu a entrada ós carriños de bebés e nomeou ós nenos personas “non gratas” no seu restaurante.

O debate está aberto. Sen pararse a sinalar cales son mellores ou peores alternativas, o quid da cuestión é o illamento real que sofren as familias con cativ@s pequen@s e as trabas para desfrutar dun lecer en familia que inclúa todo tipo de actividades. O xérmolo do problema reside no medo a que os nenos vulneren unhas normas de comportamento. Normas creadas por e para adultos que a miúdo son impostas en vez de explicadas, sen aportar argumentos nen marxe para que os nenos aprendan a respectalas.

 

Se che gustou, comparte!

2 thoughts on “A cativada está convidada

  • Excelente iniciativa a que rematades de emprender…
    É cómo o unha brisa fresquiña do nordés que sulca sen ser detida, no abafante mundo dos prexuicios que afogan as relacións das nais cos seus «cativos» (grazas por rescatar esa verba tan precisa no seu contido) nunha sociedade tan encorsetada nos seus valores e creenzas, onde os cativos son un estorbo -pra moitos adultos…- e non uns «loucos baixiños», cómo con agarimo, os describia Joan Manuel Serrat.
    ¡ Acougo !

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *