Rede CRIA nace dun soño que se foi xestando na sala dun centro de saúde onde, dúas veces por semana, numerosas novas nais e familias xuntabanse cos seus bebés baixo o amparo dunha matrona excepcional. Eran talleres de lactación que, pouco a pouco, convertéronse nun punto de encontro no que estas nais e familias, entre as que nos atopabamos, conseguimos crear unha rede de apoio.
Os nosos cativos e cativas foron medrando e, ó mesmo tempo, tamén nós o faciamos como familia, sempre acompañándonos e recibindo o apoio que necesitabamos en cada momento, grazas a esa pequena grande tribo que naceu cando máis o precisabamos.
Cando sentimos que debiamos medrar e ofrecer iso tan importante que tan desinteresadamente recibiamos neses marabillosos talleres foi o momento en que comezou a tomar forma esta idea que hoxe se chama Rede CRIA e que pretende dar resposta ás necesidades das familias en canto a unha crianza respectuosa.
Cando una nova familia nace comeza todo un proceso de aprendizaxe arredor do bebé, pero tamén arredor de nós mesmos. Os nove meses seguintes ó nacemento ou adopción do noso bebé son meses de revolución hormonal nos que as nosas necesidades e prioridades mudan por completo. Son meses nos que precisamos dun apoio e comprensión que, ás veces, non atopamos no noso entorno. Por iso é importante buscar unha tribo na que sentirnos arroupados, onde as dúbidas e medos se respondan e compartan entre iguais.
Cando as nosas crianzas van medrando, en cada nova etapa, nos asaltan novas dificultades e medos que, sen dúbida, serán máis levadíos se os compartimos con quen poida comprendernos e brindarnos o seu apoio.
Esta é a misión de Rede CRIA, ofrecer apoio de familia a familia, crear tribo que acompañe nesta viaxe e compartir información, permitíndonos medrar coma persoas e familias.