No mes de xuño, Rede CRIA organizou novas actividades dirixidas ás súas familias socias e abertas ó público en xeral sempre que o aforamento o permitise.
Estas actividades xorden da procura das familias por atopar un ocio alternativo ó que se presenta na cidade e dando resposta ás diversas inquedanzas que se presentan no crecemento da familia. Así, o contacontos «Cántame e cóntame» e a conferencia de desenvolvemento motor sumáronse no calendario ás reunións habituais de tribo, que tamén pasaron a realizarse ó aire libre.
Contacontos musical na Casa da Xuventude
O sábado 3 de xuño, no patio da Casa da Xuventude, tivo lugar un contacontos musical a cargo dunha familia composta por Rosana, Marcos e a pequena Claudia de 9 anos. Estes tres contadores de contos enfeitizaron á cativanza e ás súas familias coas representacións animadas e musicais dos contos Os chivóns chivóns, A vaca que puxo un ovo, O gato lambón, Carabuñas, O monstruo de cores e A que sabe a lúa.
Conferencia sobre desenvolvemento psicomotor
O domingo 18, nas instalacións de Vigosónico celebrouse unha conferencia baixo o título Desenvolvemento psicomotor de 0 a 3 anos e impartida pola socia e fisioterapeuta Yolanda García especializada en crianzas con dificultades motrices con ou sen discapacidade e sempre traballando de forma global con familia, escola e outros profesionais.
A charla de dúas horas de duración profundizou en aspectos como a importancia do movemento libre nos bebés: deixalos explorar no chan varias horas ó día e respectar os seus ritmos e que sexan eles quen pasen de deitados ó gateo, e de aí a levantarse e andar sen forzar nin ter présa porque aceleren os seus fitos motores.
Ambalas dúas actividades colgaron o cartel de aforamento completo e tiveron gran acollida entre os asistentes. Chegado ó verán e a calor, Rede CRIA prepara novos encontros e actividades das que poderedes informarvos na nosa páxina e redes sociais.