Xa ben iniciado o novo ano, é tempo, para moitas familias, de pensar no curso que aínda está por chegar. Son datas de elixir escola infantil, colexio e mesmo instituto; datas nas que os centros escolares se visten de gala para recibir a familias ás que agasallar coa súa mellor imaxe para atraelas á súa comunidade educativa.
Moitos son os factores que inclinarán a balanza por unha ou outra proposta e entre elas a loxística ten moito peso, con todo o referente á distancia, horario, comedor ou extraescolares. Pero tamén importa, ó elexir escola, atopar unha alternativa que case cos principios ou ideas da familia.
Alén das instalacións, dos recursos económicos ou das posibilidades non educativas, debemos prestar atención a aquilo que non se nomea, sobre o que non se fala: os valores reais sobre os que sustenta a comunidade, como é o trato entre o profesorado e co alumnado, se respectan os ritmos, se validan emocións ou se teñen en conta as inquedanzas, xa que todo é doado cando as crianzas non saen do camiño marcado pero hai tamén que facer fronte a tódalas casuísticas, sabendo se o centro elexido é realmente inclusivo ou so de cara a galería.
Un destes aspectos a ter en conta sería a xestión dos conflictos. Nesta época de acceso ás redes, o acoso entre iguais xa non se produce só nas propias aulas ou baixo o contacto físico, senon tamén nun entorno virtual que o fai máis perigoso polo alcance que ten traspasando tódalas barreiras.
Familias e persoal educativo traballando en equipo
Como equipo, familias e persoal educativo, debemos encamiñar ás crianzas na mesma dirección baixo as pautas para unas relacións sás, baseadas no respecto a toda persoa.
Non vale de nada querer negar unha realidade que existe ou enmascarala como parte dunha etapa vital e non coma un problema en crecemento.
E sobre relación entre iguais, referentes adultos, pantallas e hábitos saudables nas relacións, o psicólogo infantoxuvenil Marc F. Quilez nos falará. Convidámosvos a asistir a esta formación que terá lugar o 25 de febreiro e 25 de marzo no CSCD As Pedriñas.
Non dubidedes en facernos calquera consulta e inscribirvos en info@redecria.es.