Máis de 150 asistentes asistiron a estas xornadas que contaron co apoio do Concello de Pontevedra
O pasado mes de abril celebráronse en Pontevedra as Xornadas Formativas de Atención Persoalizada ao Alumnado con Altas Capacidades, organizadas por Rede CRIA e financiadas polo Concello de Pontevedra que resultaron ser un éxito rotundo.
Máis de 150 persoas asistiron a esta formación, a grande maioría pertencente ó colectivo docente e persoal da Concellería de Servicios Sociais, e tiveron a oportunidade de descubrir e desfrutar da sabiduría e a calidade humana da Dra. Iolanda López Iglesias.
Quizáis vos estaredes a preguntar por que unha pequena asociación de crianza respectuosa se mete a organizar este tipo de eventos para o profesorado…pois moi boa pregunta e velaquí a resposta: en Rede CRIA temos un montón de familias socias con nenos e nenas con AACC ou sospeita de telas. Temos tantas, que triplican a porcentaxe observada na poboación normal (que anda nun 10%, aproximadamente), entendendo como normal a que podes atoparna rúa, ou no teu barrio, ou nunha escola calquera.
Non seremos tan ilusas de pensar que isto é unha casualidade. As familias destas nenas e nenos adoitan ser desa clase de persoas que poderiamos definir coma inconformistas, que precisan información e respostas en tódolos ámbitos da súa vida, e por suposto tamén na crianza. Familias que, coma outras, axiña se decataron de que criar contracorrente é un traballo difícil e, sobre todo, moi solitario, e que na procura de respostas atoparon tamén unha tribo, unha Rede.
Un dos obxectivos de Rede CRIA desde a súa fundación é contribuir a mellorar a sociedade na que vivimos, sempre de forma altruista e deixando atrás os egos, xa que é a única forma de que a semente do cambio xermole. A cousa é simple e complexa á vez: detectamos unha necesidade non cuberta e procuramos unha solución, neste caso con apoio institucional, dada a envergadura do proxecto.
E o profesorado non defraudou, demostrando unha vez máis que son un colectivo implicado, comprometido coas familias e con ganas de aprender e mellorar a institución que representan.
Coma familias, sentímonos agradecidas e esperanzadas. Hai moito sufrimento agochado nas famílias con crianzas con AACC e é imprescindible que a escola, así coma o resto da sociedade, estea a súa altura.
Centros participantes nestas Xornadas
Para agradecer ás profesoras, orientadoras e equipos directivos a súa asistencia elaboramos un listado dos centros de ensino representados nas Xornadas Formativas, que calquera persoa que o desexe poderá consultar.
Escolas con Formación en atención persoalizada do alumnado con altas capacidades (provincia de Pontevedra, abril 2024)
E nós…seguiremos a tecer redes e a sementar en tribo, sen perder a nosa esencia de sermos xente pequena, facendo pequenas cousas e soñando con xerar grandes cambios.
Queres formar parte? Asóciate!!