17 de abril de 2017

Manifesto

Rede CRIA considera que:

Vivimos nun mundo con tendencia ó adultocentrismo, un mundo no que prevalecen as necesidades e ritmos dos adultos fronte ós dos bebés e cativos/as de calquera idade.

Un mundo falto de tolerancia e respecto entre tódolos seres.

As familias perderon poder de cara a determinadas situacións, coma o parto, a lactación materna e mesmo, ás veces, a propia crianza. Estas situacións vense pragadas de imposicións, opinións e decisións alleas, non podendo as familias dispor da forza precisa, neses momentos tan sensibles, para poder afrontar un ambiente, en ocasións, tan hostil.

Moitos profesionais van en contra das recomendacións oficiais á hora de falar sobre lactación materna e crianza, aconsellando e impoñendo medidas que dificultan un san desenvolvemento dos/as nenos/as no ambiente e condicións que precisan para medrar coa mellor alimentación e mesmo para recibir unha educación e crianza respectuosas, que lles permitirá ser individuos seguros de eles mesmos e con confianza no seu arredor.

Asistimos a unha falta de tolerancia cara os tipos de familia existentes alén do «clásico» modelo familiar. Tódalas familias, de toda índole, merecen respecto e apoio.

Moitas familias reciben malos tratos en momentos tan especiais e delicados coma o nacemento dun fillo/a ou o ingreso do mesmo ante calquera enfermidade ou dificultade.

Hai unha carencia de espazos axeitados onde os bebés e cativos/as poidan comportarse como tal e explorar o seu arredor e as súas capacidades.


Polo que Rede CRIA defende:

  • A crianza respectuosa e con apego seguro.
  • A tódolos diferentes modelos de familia, merecendo cada un deles apoio, respecto e comprensión.
  • A lactación materna coma o mellor alimento para o/a neno/a, tal como recomenda a OMS, a AEP e os demáis organismos oficiais.
  • O respecto ós tempos de maduración dos/as cativos/as en cada unha das súas fases de crecemento e desenvolvemento, así coma o respecto ás súas necesidades básicas autorreguladas.
  • O dereito das familias a poder permanecer cos seus fillos/as en calquera proba médica e/ou ingreso hospitalario.
  • A empatía das familias de cara ás necesidades afectivas, emocionais e psicomotrices dos cativos e cativas.
  • O vínculo prenatal e o dereito a un nacemento respectuoso, tanto para a nai coma para o bebé.
  • A resposta inmediata ó pranto do bebé, sendo conscientes das consecuencias negativas que, tanto a nivel físico coma emocional, supón ignorar as necesidades dos/as cativos/as.
  • Os beneficios do coleito e o respecto e comprensión de cara ás fases evolutivas do sono infantil.
  • A crianza baseada no respecto, confianza e amor.
  • As libres decisións de cada familia en relación á crianza dos seus fillos/as, sempre e cando sexan decisións informadas e non atenten contra os principios da Asociación.

Rede CRIA rexeita:

  • Calquera tipo de violencia ou acto irrespectuoso cara a calquera menor ou igual.
  • Calquera tipo de adestramento do sono que se opoña á natural tendencia do/a neno/a a procurar contacto e sentirse seguro/a con seus proxenitores. Rexeitamos permitir chorar ó bebé para «ensinalo» a durmir.
  • A información desactualizada e que vaia en contra dos organismos oficiais acerca da alimentación ou o sono infantil, sexa por parte de profesionais ou doutras persoas.
  • O conductismo coma método de crianza e educación.
  • A ausencia de empatía cara as bágoas do menor.

Rede CRIA comprométese a:

  • Ofrecer un espazo de apoio e escoita para calquera tipo de familia que comparta os nosos principios ou desexe compartilos.
  • Informar, sen pretender convencer, das recomendacións oficiais no tocante á alimentación, saúde e sono infantil.
  • Denunciar calquera falta de respecto ou trato inhumán cara as familias ou cativos/as, tanto no momento do parto coma antes e despois, e en todo o periodo que abrangue a crianza.
  • Ofrecer alternativas de lecer saudables para realizar en familia.
  • Organizar actividades e charlas de interese para as/os socias/os, enfocadas á aprendizaxe e desenvolvemento de coñecementos acerca da crianza respectuosa e positiva, así coma actividades que acheguen ós/ás nenos/as ó folclore tradicional (galego), á Arte e á Música.

Recomendamos tamén a lectura dos nosos Principios e Estatutos.