O mes de xaneiro, que comeza cos bos desexos por un ano fantástico con brinde e celebracións, remata co Día da Non Violencia e a Paz, unha xornada especial chea de actividades nas escolas infantís e colexios para ensinar ás futuras xeracións a vivir en harmonía.
Con todo, non podemos abstraernos do día a día e basta só con abrir un xornal, ver ou escoitar as novas para descubrir que o mundo, así en xeral, non avanza neste obxectivo.
Pero tampouco en particular, se mergullamos un pouco polas respostas que se dan en redes sociais ante calquera tipo de noticia, descubrimos que a pantalla parece protexer a quen non dubida en recorrer ao insulto, ao desprezo, á falta de respecto como forma de resposta ou comentario.
Queremos para os nosos pequenos unha sociedade que parece que non estamos a preparar. Nos toca facer autocrítica e pensar se, quizais coas nosas actuacións estamos a enviar unha mensaxe equivocada. Moitos nenos reciben esas contradicións e acaban non sendo conscientes do que se pretende cando basta con poñernos á súa altura e mirar ó seu redor para entender o mundo que lles rodea dende o seu nivel.
Fagamos dos nenos e adolescentes o centro do noso obxectivo pero non para envoltalos nunha burbulla que os aille senón para que formen parte do universo, do día a día tendo en conta as súas opinións, sen burla nin menosprezo; facéndolles capaces e autónomos. Preparémolos para un futuro que non será sinxelo pero si máis apracible se atopan na súa educación que os valores que se lles inculcamos son os que predominan,
A crianza con apego seguro non é coller en brazos para malcriar, ou non permitir choros para crear brandos, esta crianza baséase no amor, o respecto e a confianza para crear adultos ledos e seguros de si mesmos.
Parece unha teoría utópica pero son valores universais. Se cambiamos a procura do poder polo benestar social, pódese lograr. En cada unha das nosas casas está a posibilidade de conseguir que aos poucos a sociedade cambie, que os nenos e nenas que criamos convértanse en persoas comprometidas coa súa contorna.
Feliz día da Paz e a Non Violencia. De verdade.