Cunha baixa maternal de tan só 16 semanas, as nais traballadoras atópanse moitas veces con que os seus bebés, de menos de 4 meses, deben quedarse nunha escola infantil.
É unha realidade que custa moito e por iso as familias non buscan que os partidos prometan aumentar as escolas de 0-3 senón os permisos de maternidade e dar facilidades para unha conciliación real.
Non é doado escoller unha escola infantil acorde ás necesidades da familia, ben sexa por cuotas, ubicación, horario, ou filosofía educativa pero sobre todo porque a separación nai-bebé é máis difícil de facer do que parecía antes de chegar a esta situación.
Ó final o que as familias buscan é unha complicidade co centro escollido, co personal que vai estar co seu pequeno durante unha gran parte da xornada.
Así é incrible descubrir que os educadores non teñen uns dereitos laborais básicos cubertos.
Os dereitos laborais nas escolas infantís
A pasada semana os traballadores das escolas infantís de Vigo concentráronse no centro da cidade reclamando unha atención pública mañá martes 21 irán á folga para reclamar que fai 10 anos que o seu salario está conxelado, que a súa labor non está valorada e que as súas xornadas son máis que as horas de clases coa cativada.
Entón, quén coida ós bebés? Os responsables das aulas traballan fora das horas de contrato, encárganse de máis funcións das que deben sen personal de apoio suficiente, e non reciben a valoración xusta… Deixamos á súa garda ó noso ben máis valioso durante moitas horas do día, confiamos neles e grazas ó seu traballo os cativos aprenden, disfrutan, xogan e medran.
É importante esixir que se actualicen as políticas educativas, que as instalacións sexan modernas e adaptadas, que a ratio de alumno/docente sexa a adecuada (moi por debaixo da actual) pero sobre todo é básico que o personal perciba que o que da é valorado, porque valen máis do que as empresas e a sociedade pensamos.
É o momento das familias de poñernos do lado de aqueles que non coidan senón que ensinan e motivan os nosos bebés nun dos momentos máis sensibles da súa vida. Do lado de quen nos axuda a educar os nosos bebés porque grazas a á súa labor podemos continuar coas nosas carreiras laborais dende funcionarios, comerciantes, personal médico… Gran parte da sociedade susténtase grazas á labor destes profesionais que simplemente esixen o que merecen.
Por un convenio xusto para os/as educadores/as das escolas infantís.