Cada ano, na semana 41, como se se tratase do final dun embarazo, festexamos en Europa a Semana da Lactancia Materna, para falar e concienciar sobre a necesidade de protexela e fomentala. Defendemos así lactancia materna como opción saudable, ecolóxica, económica e, sobre todo, natural para a alimentación dos bebés mínimo ata os 6 meses en exclusiva e ata que nai e bebé decidan. Defendamos e respetemos ás nais, que fan todo o posible polo benestar das súas familias dentro das súas posibilidades.
Dende o desexo de ser nai, de medrar en familia, son moitas as dúbidas e medos que xorden e que dan paso a conflictos internos por cumprir cunhas expectativas creadas por ser parte da sociedade ou querer rachar con ela.
Decidir quen te informa e que decisións tomar dende o comezo non é tarefa sinxela. Son nove meses de preparación nos que as ideas preconcebidas poden mudar segundo quen atopemos nese camiño.
A lactancia e a crianza, dúas partes dun todo
Porque, non nos enganemos, non é un tema só de teta ou biberón, son moitas as cuestións sobre as que decidir e ainda que moitas van da man, ó final, a situación individual en cada casa será a que favoreza a decisión final.
Excedencia, colecho, lactancia, pendentes, zapatos, escola infantil, porteo… precisaríamos un mes enteiro adicado a Crianza (en maiúsculas). A nosa maneira de criar afecta a toda a sociedade porque o persoal é político. Por iso, tomar a decisión final so será posible cos medios, os recursos e a información veraz. Cada familia terá que decidir en base os seus propios valores pero tamén segundo como poda adecualos ó sistema económico e social no que viva.
Fomentemos así unha semana da crianza para por en valor e reivindicar que cada familia teña as mellores ferramentas para decidir en liberdade, nun país con axudas reais para a conciliación, a igualdade de oportunidades e o respecto ó desenvolvemento deses bebés que nacen a un mundo que debe protexelos e amalos. So entón falaremos de liberdade real de elección.
Traballemos en unión por unha Crianza Respectuosa, Informada e con Apego Seguro.