Outubro: mes de lume e meigas

O mes do outono chegou retendo o sol e a calor do período estival: camisetas, praia e sandalias paseábanse por unha cidade na que o frío só chegaba aos escaparates. A natureza atrasaba tamén o seu cambio de estación permitíndonos gozar do seu esplendor.

Rede CRÍA, é consciente de que este cambio non é un bo sinal e máis que nunca hai que traballar por coidar a nosa bela contorna.

A nosa primeira actividade de outubro foi a clase do curso  “Xogo e aprendizaxe en familia”, organizado xunto con Miudiño e que nas súas dúas sesións (sábado e luns) levounos a descubrir a importancia do xogo libre e co que a natureza nos ofrece e así, a formación acabou traballando os bugallos ao pé dun carballo para facer instrumentos musicais en familia.

Unha semana despois, o peor do ser humano, coas altas temperaturas e a falta de auga, provocou que Vigo vivise unhas xornadas negras co lume devorando todo ao seu paso, lamentando 4 vidas humanas, innumerables perdas de animais domésticos e salvaxes e reducindo a cinzas pobos e o monte que nos rodea. Con este dantesco espectáculo durmimos aterrados o domingo 15 e espertamos con gran tristeza o luns 16 o que nos levou  a desconvocar un encontro de tribo para unirnos á manifestación de repulsa por uns incendios que, provocados ou non, destruíron parte da nosa identidade (chorando tamén por Portugal e Asturias).

Así, co paso dos días, o Mini Samaín foi nosa reunión de Tribo do mes, un encontro especial pola temática: unha festa de disfraces e manualidades coa que gozaron pequenos e maiores. Esta cita tivo lugar en Saiáns e foi un avance da celebración que unha semana máis tarde celebraríase nos barrios da cidade.

Outubro contaría tamén cunha interesante charla sobre “Crianza con apego: claves para apego seguro e acompañamento emocional (0 a 3 anos)” impartida pola psicóloga educativa e perinatal Natalia Guedella no auditorio do Centro Cívico de Teis. Cunha gran aceptación, os asistentes gozaron das indicacións para lograr unha crianza respectuosa no desenvolvemento dos seus bebés e puideron resolver dúbidas no tempo de preguntas.

Sementes de esperanza no Freixo

O mes acabou da mellor forma grazas á invitación do Colectivo Veciñal Changrande para colaborar na primeira plantación de sementes no viveiro que será o xerme que permitirá recuperar o monte no Freixo. A invitación tivo moi boa acollida por parte das familias socias grazas tamén a que moitas coñecen a contorna a través da colaboración da asociación con Miudiño que ten neste monte o seu taller e almacén aos que o lume causou grandes danos. As familias gozaron así cos veciños dunha mañá de domingo plantando sementes autóctonas en cartóns de leite.

 

Crianza respectuosa é tamén o respecto polo medioambiente e iso é algo que se inculca desde a máis tenra infancia, por iso desde Rede CRÍA agradecemos a todos os valentes que loitaron e loitan contra o lume e todo o que o provoca.

Se che gustou, comparte!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.