Resumen e fotos da Excursión Rede CRIA ó Parque A Canuda en Salvaterra do Miño

O pasado domingo a tribo de Rede CRIA fixo a súa primeira excursión e celebrou unha xornada á beira do río chea de complicidade entre todas as familias asistentes.

No parque da Canuda, en Salvaterra do Miño, xunto cos patos, na tranquilidade dunha contorna natural que permitiu á cativanza abandonar o asfalto, tivo lugar este encontro que sacou por primeira vez á tribo da cidade.

A experiencia resultou moi positiva para os asistentes xa que a calma do lugar e a sensación de estar  disfrutando dun día diferente con xente tan dispar pero con ideas de crianza comúns propiciou un ambiente de complicidade que se extendeu ós cativos que puideron disfrutar da liberdade do campo e das posibilidades que a natureza ofrece, coma nos comentan os socios:

Foi un día tranquilo e agradable en boa compañía”, “xogaron compartindo os xoguetes que levamos todos, viron pavos reais e policías a cabalo”, “comimos xuntos, compartimos dúbidas de crianza e os nenos maiores disfrazáronse de animais usando a súa imaxinación e as ramas que atoparon”.

Foi un día de relax compartindo experiencias moi a gusto”, “paus, follas, pedras, un par de pelotas, pompas de xabón e amigos… non se precisa máis para ser felices”.

 

Unha xornada intensa e fora dos horarios e rutinas do resto da semana que levou ós nenos a aproveitar ata o último segundo e así caer rendidos ó entrar nos coches para emprender o camiño de volta esperando, sen dúbida, que a experiencia poda repetirse pronto.

Se fuches dos afortunados, agradecemos a túa participación nesta actividade, se as circunstancias non cho permitiron, segue con atención á nosa páxina para non perderte as próximas convocatorias e reunións de tribo.

 

Se che gustou, comparte!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.